A Xunta inviste preto de 2,5 M€ para a automatización dos servizos de farmacia hospitalarios



Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2023 A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, saca a licitación por preto de 2,5 millóns de euros a compra de equipamento de farmacia para ampliar o Programa de Atención Farmacéutica nas Residencias Sociosanitarias de Galicia co obxectivo de dar cobertura ao 70 % das prazas residencias para persoas maiores e persoas con discapacidade existentes na actualidade en Galicia e a compra de equipamento para automatización das plantas de hospitalización do Hospital de Conxo. Coincidindo coa nova licitación, odirector xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, acompañado da xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, visitou o servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, no Hospital Clínico.


Este programa supón un exercicio de coordinación sociosanitaria que está a permitir que, a través de convenios coas entidades responsables da xestión destes centros, os servizos de farmacia dos hospitais galegos subministren os fármacos das persoas que viven en residencias de maiores ou de discapacidade baixo a supervisión dun profesional farmacéutico que realiza o seguimento farmacoterapéutico individualizado do paciente, garantindo a homoxeneidade, a equidade e a seguridade da prestación farmacéutica.


Neste momento están adscritos a este programa o 33 % dos centros residenciais, que supoñen o 52 % das prazas existentes, e, con esta ampliación, prevese poder chegar ao 70 % das prazas engadindo 34 novos centros.


Desta forma, equiparase ás sete áreas sanitarias de almacéns automatizados e sistemas automatizados de corte e envasado de sólidos en formato unidose que permitirán establecer un sistema de dispensación da medicación en doses unitarias, que garanta os procesos de preparación e dispensación, e permita a trazabilidade de todo o proceso.


En concreto, cun investimento de 919.600 euros, destinaranse á compra de reenvasadoras automáticas para o Hospital Clínico Universitario de Santiago, Hospital Universitario de A Coruña, Hospital Arquitecto Marcide, Hospital Lucus Augusti, Hospital Público de A Mariña, Hospital Universitario de Ourense, Hospital Meixoeiro e Hospital Montecelo.


Igualmente, dedicaranse 707.850 euros á adquisición de almacéns automatizados en carrusel vertical para o Hospital Meixoeiro, Hospital Universitario de Ourense, Hospital Lucus Augusti (2), Hospital Público de A Mariña (3), Hospital Arquitecto Marcide e Hospital Universitario de A Coruña.


A maiores, o Sergas dotará ao Hospital de Conxo de once unidades automatizadas de dispensación de medicamentos por valor de 798.600 euros.


Grazas a estes novos equipamentos, lógrase unha alta funcionalidade na optimización dos recursos, xa que se trata dun sistema pechado que dispensa unicamente as medicinas receitadas a cada paciente, eliminando gastos innecesarios e aumentando a seguridade ao evitar erros na dispensación. Ademais, libera ao persoal de tempo de traballo para poder concentrarse na atención ao paciente e posibilita de controlar en tempo real os niveis de inventario.


A entrega está prevista en dous meses desde a formalización do contrato.


Éxito da Guía Farmacoterapéutica

Como complemento, o persoal dos centros conveniados co Sergas dispoñen dunha Guía Farmacoterapéutica e de práctica clínica nos centros sociosanitarios que incorporou no último ano novos contidos para reforzar aspectos de seguridade no manexo dos medicamentos, como precaucións a ter en conta co uso de certos fármacos nos pacientes con insuficiencia renal ou hepática.


En total, a guía detalla 272 principios activos.

Este sitio emplea cookies de Google para prestar sus servicios, para personalizar anuncios y para analizar el tráfico. Google recibe información sobre tu uso de este sitio web. Si utilizas este sitio web, se sobreentiende que aceptas el uso de cookies. Más información